Tuesday 17 de September de 2024

Variadas disciplinas saen á Pobra no 23 de agosto co Día do Deporte na Rúa


O deporte sairá ás rúas da Pobra do Caramiñal no 23 de agosto para promove-la práctica de diferentes disciplinas: atletismo, artes marciais, fútbol 3×3, baloncesto, bádminton, remo, tenis, hóckey, tenis de mesa, voleibol, xadrez, parkour… E, ademais, contarase con inchables.

“O verán é unha boa ocasión para amosa-la cantidade de modalidades deportivas que temos na nosa localidade; especialmente, para promover entre as crianzas a importancia dun estilo de vida saudable. Poderán así experimentar distintos deportes e desfrutar deles en familia. Deste xeito, esta convértese nunha gran xornada de portas abertas para aproxima-lo dinamismo deportivo do noso concello e o traballo diario das entidades que aquí operan. E pode que, deste día, xurdan novas incorporacións nas mesmas”, manifesta o concelleiro dos Deportes, Eloy Sobrido.

Representantes dos clubs locais e monitorado do Departamento dos Deportes encargaranse de impartir estas disciplinas na praza Alcalde Segundo Durán, nas pistas deportivas do Castelo e no pantalán fronte ao edificio de usos náuticos, no horario das 11.30 ás 14.00 e das 18.00 ás 20.00 horas.

A participación é de balde e non se require a inscrición previa.